3 junio 2009

Actualidad

Actualidad. Informe do Valedor do Pobo do ano 2008

Acaba de publicarse o Informe Valedor do Pobo 2008 (Galego).

Destacamos a continuación os extractos do informe que consideramos máis relevantes desde a perspectiva ambiental, clasificados de acordo cos temas máis salientábeis tratados no informe:

1. As disposicións transitorias en materia de solos e a legalización de actividades mineiras

Sobre a aplicación de rexímenes transitorios para a legalización de actividades mineras sin licencia, o Informe do Valedor sinala que “A permanente apertura da oferta de legalizacións extraordinarias trae como consecuencia que a situación de indefinición continúe, e, en definitiva, que non se adopten medidas, nun sentido ou noutro, respecto dun número considerable de explotacións sen licenza.”

“Pero tamén resulta rechamante que a posibilidade de solicitude de regularización se considere aberta, co que o proceso de interinidade e falta de actuación para a reposición da legalidade parece prolongarse por un tempo desproporcionado. Xa con motivo do coñecemento das queixas citadas concluímos que era necesario dar outro tratamento á materia e recomendamos (a CPTOPT, a CII e a CMADS) que se corrixan os aspectos sinalados, e en concreto que se aclarase o prazo de aplicación da DT 12 [Ley 9/2002 de solo de Galicia], de acordo coa natureza transitoria da disposición, e que se establecesen condicións formais e materiais para a regularización, como normalmente se dá neste tipo de supostos. O feito de que non se estableza un prazo expreso de aplicación non pode interpretarse como unha perda implícita da natureza da disposición, que, como sinalamos, de forma clara se define como transitoria na propia lei. Non se pode entender que a medida se considere vixente indefinidamente, de tal forma que permaneza sine die a súa posible aplicación, máis alá dun tempo razoable; máis ben debera entenderse a curto prazo, de tal maneira que as explotacións que non fagan uso da habilitación correspondente dentro del non poidan facelo en diante. Ademais, unha disposición deste tipo ten carácter excepcional, posto que ao fin e ao cabo se trata dunha norma que permite a legalización a posteriori de situacións que o ordenamento non permitía.

“No caso que agora examinamos bótase en falta tanto o establecemento dun prazo de operatividade da disposición transitoria como dunhas condicións para a eventual legalización das explotacións, en especial no relativo ás condicións ambientais, sen que pareza suficiente a inconcreta mención á necesidade de valorar “a compatibilidade ou non da explotación cos valores naturais, ambientais e paisaxísticos existentes”.

“Como indicamos, hai tempo (Informe Anual do 1996; As explotacións mineiras a ceo aberto como causa de grave deterioración do medio ambiente) expresamos que existe unha fundada preocupación pola proliferación e impacto das explotacións mineiras a ceo aberto. Xa entón formulamos un importante número de recomendacións para a realización de plans de restauración dos espazos naturais afectados polas actividades extractivas, para que se sancionasen os incumprimentos, para que se esixisen fianzas ou garantías económicas para asegurar a restauración, e para que en xeral se establecesen as medidas oportunas para o funcionamento adecuado das explotacións mineiras a ceo aberto con algunha carencia ambiental. Unha das carencias máis comúns resultaba a ausencia de determinadas licenzas ou autorizacións, circunstancia que, como vemos, despois de moito tempo, aínda non se corrixiu, posto que permanecen moitas das deficiencias e irregularidades detectadas no seu momento.”

2. Os problemas de contaminación acústica

“Efectivamente, á marxe doutro tipo de consideracións (saúde, orde pública, etc.), deben evitarse as graves consecuencias que os botellóns teñen para os veciños afectados, fundamentalmente polo ruído xerado, que noite tras noite impide o descanso dos residentes. As administracións, e fundamentalmente a local, deben intervir por medio das súas potestades actuais, en principio suficientes.”

“Sen embargo, queda pendente coñecer as medidas adoptadas como consecuencia desa declaración [zona acústica saturada] e comprobar se resultan eficaces; como xa apuntamos, centrar a actuación nunha mera prohibición de novas licenzas é claramente insuficiente, e o mesmo sucede se se acompaña de compromisos inconcretos ou de medidas de mínimos. Ademais, a declaración dunha zona como saturada debería concretarse no momento que se constate, sen esperar á realización de mapas de ruído e plans de acción, previstos pola lei do ruído para abordar outro tipo de problemas máis xenéricos. “

“Por último, debemos destacar que en materia de ruídos produciuse unha importante modificación normativa coa derrogación do RAMINP na nosa Comunidade e asúa substitución polo Decreto 133/2008, do 12 de xuño, polo que se regula a avaliación de incidencia ambiental.”

“Sen embargo, no novo decreto [133/2008, de incidencia ambiental] obsérvase unha grave carencia, ao terse reducido o obxecto das avaliacións de incidencia, é dicir, as actividades que van someterse a este procedemento. Efectivamente, o anexo III deste sinala que serán actividades excluídas do procedemento de avaliación de incidencia ambiental, entre outras, as “actividades deocio e lecer previstas no Catálogo de espectáculos públicos e actividades recreativas da Comunidade Autónoma de Galicia, aprobado polo Decreto 292/2004, do 18 de novembro. No devandito catálogo menciónanse todos os tipos de establecementos de ocio.

“Pero o máis rechamante é que nesa lista se inclúan todas as actividades do mundo do ocio. Con iso decae a garantía preventiva máis importante que teñen os cidadáns cando no seu medio se pretende instalar unha sala de festas, unha discoteca, un pub ou calquera outra actividade deste tipo. A experiencia demostra que son potencialmente molestos e que os controis preventivos, é dicir, esixir licenzas específicas que analicen a repercusión que van ter na calidade de vida, a intimidade persoal e familiar, a saúde ou o descanso dos veciños resulta algo básico. Ademais, ao se tratar de licenzas de funcionamento, co seu outorgamento abríase unha relación permanente entre a administración que as concedía e o titular destas que se concretaba no continuado labor tuitivo da administración para que a actividade non resultase prexudicial, ou o que é omesmo, para que respondese a criterios de interese público. Así o vén recoñecendo a xurisprudencia desde hai moitísimo tempo.”

“Por todo iso, non se poden compartir as posibles razóns que levaron a adoptar esta medida, que pode provocar situacións inxustas ou prexudiciais para os potenciais afectados, do que deixamos constancia para os efectos do previsto no artigo 30 da Lei 6/1984, do 5 de xuño, do Valedor do Pobo. Trátase dunha norma administrativa, en concreto un decreto da Xunta de Galicia, polo que consideramos que resulta necesario que a administración autonómica revise a solución que no seu momento adoptou.”

3. As carencias en materia de avaliación dos impactos ambientais

“En ocasións obsérvase que se omiten algunhas avaliacións preceptivas, ou que non se realizan adecuadamente. Resultou significativa a ausencia da determinación da avaliación en relación coa promoción de determinadas urbanizacións.”

“O segundo aspecto da recomendación expresa que con carácter xeral se estude a conveniencia de establecer un prazo de caducidade ás declaracións de impacto ou efectos, xa sexa regulándoo con carácter xeral, como indica expresamente a normativa estatal, ou con carácter particular, nas propias declaracións, co fin de evitar a utilización extemporánea destas. Maniféstase expresamente que se está de acordo coa recomendación, e que se modificará a normativa galega na materia, engadindo que se está traballando neste aspecto en concreto.”

4. Contaminación por vertidos

“Como sinalamos en informes precedentes, padecemos un considerable déficit en infraestruturas de condución, separación e tratamento de augas residuais, tanto industriais como domésticas. Nalgúns casos sinxelamente non existen, e noutros resultan claramente insuficientes, ou contan cunha nula ou mala xestión. A causa fundamental da contaminación é o vertido de augas residuais urbanas e industriais, pero tamén a proliferación de pozos ou fosas sen garantías suficientes, ou a mala xestión ou utilización na agricultura de residuos gandeiros. Nas augas marítimas, sobre todo nas rías, detéctanse graves problemas de falta ou deficiente saneamento. Resulta moi rechamante a falta de sistemas adecuados de recollida e tratamento das augas residuais en moitas cidades ou vilas; non se respectaron os prazos legais e as infraestruturas aínda que non existen.”

“Nalgúns casos a insuficiencia das instalacións provoca que periodicamente se produzan fallos.”

5. Os problemas específicos producidos por depuradoras de augas residuais

“Observamos que as depuradoras de augas residuais en moitos casos non se acomodan ás exixencias legais; a maior parte das queixas que coñecemos en materia de saneamento e depuración de augas residuais non adoitan referirse á falta de infraestruturas (aínda que tamén existen queixas por este motivo, sobre todo promovidas por organizacións de defensa ambiental), senón á oposición dos veciños ás novas infraestruturas, que consideran que non respectan os requisitos legalmente previstos (…)”.

6. Antenas de telefonía móbil

“Un considerable número de queixas refírese a proximidade de antenas de telefonía móbil a vivendas. Algúns concellos aprobaron ordenanzas que regulan este espiñoso tema; pero á marxe da presenza ou non de ordenanzas, o certo é que estas instalacións necesitan licenza municipal de funcionamento, e, por tanto, as administracións municipais participan no seu control preventivo. Sen embargo, non resulta infrecuente encontrar casos nos que a antena non conta con este permiso municipal.”

“O ente local sostiña que desde a aprobación do Decreto autonómico 133/2008, polo que se regula a avaliación de incidencia ambiental, xa non é precisa a licenza de funcionamento, o que nós rexeitamos. Anteriormente non se mencionaban as antenas de telefonía móbil no nomenclátor do RAMINP (como apunta a sentenza citada anteriormente, non podía ser doutra maneira, posto que este tipo de instalacións non existía no 1961, data do RAMINP), pero considerábanse obxecto do procedemento por encadrar nas definicións das actividades clasificadas e polo carácter de numerus apertus do nomenclátor do regulamento. Ese carácter non se modifica no máis mínimo co novo decreto autonómico.”

7. Tratamento do dereito de acceso á información ambiental e á participación cidadá en materia de medio ambiente

“Sen embargo, a través das queixas observamos que son comúns os atrasos á hora de responder ás solicitudes de información ambiental en poder da administración; non adoitan respectarse os prazos establecidos pola Lei 27/2006, que prevé unha rápida resposta e entrega. (…) Por iso, debera mellorarse a axilidade na resposta e a entrega. Tampouco parece adecuado pedir aclaracións sen que ao tempo se proporcione información sobre os aspectos claros da petición, solicitar o pagamento de cantidades non previstas (as entregas telemáticas deben ser gratuítas, como tamén as fotocopias de menos de 20 páxinas), ou xustificar a falta de resposta ou a demora desproporcionada na falta de medios, posto que a información se debería encontrar en formatos que permitan a súa fácil xestión, manexo e entrega.”